Proxección do documental

Melide inaugura o ciclo de proxeccións do documental ❛Que sabes dos áridos?❜

A Asociación Galega de Áridos (Arigal) vén de iniciar o ciclo de presentacións do seu documental Que sabes dos áridos?, unha peza divulgativa cuxo obxectivo é mostrar a importancia do sector dos áridos e a súa repercusión nos concellos nos que se asentan as súas explotacións.

 

A primeira parada do ciclo de proxeccións foi Melide, un concello que conta con dúas canteiras que producen áridos de grande calidade, apreciados para usos como o alabastro das vías do AVE.

 

O documental permitiu aos veciños de Melide achegarse á realidade do sector dos áridos, que proporciona á sociedade o segundo recurso máis consumido a nivel mundial só por detrás da auga, e que supón a fixación de emprego (2.800 postos de traballo en 2018) e o desenvolvemento en zonas rurais de Galicia cunha produción anual de 48 millóns de euros.

 

Co obxectivo de afondar nas impresións provocadas polo documental, tras a proxección levouse a cabo un coloquio no que participaron os veciños de Melide; o alcalde, José Manuel Pérez; o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Igrexas; os traballadores das canteiras; e Javier González, enxeñeiro de minas e encargado da presentación do documental.

González destacou a importancia deste sector para a fixación de poboación e a creación de emprego en concellos onde apenas hai cabida para o sector industrial. Tamén fixo fincapé nas leis que rexen a minaría actual, que non son as mesmas que hai 20 anos cando non existía sensibilización ambiental. “Agora o trámite de apertura dunha explotación de áridos pode chegar ata os 8 anos”, declarou.

 

Pola súa parte, o alcalde mostrou o seu apoio a esta iniciativa de divulgación, incidindo en que “fai falla escoitar a todos os sectores” e en que “non se pode dicir un ‘non’ per se, senón que hai que informarse antes de ter unha valoración positiva ou negativa da minaría”. Pérez tamén salientou a importancia dos áridos na construción e no desenvolvemento de calquera comunidade. “Se eu quero construír unha pista, a materia prima ten que saír dalgún lado”, afirmou.

 

As próximas citas da proxección do documental serán en Baralla (Lugo) o 7 de novembro e en Meis (Pontevedra) o 14 de novembro.