Arigal presentou en Meis o documental ❛Que sabes dos áridos?❜
- A industria dos áridos ocupa un lugar destacado en Meis, onde dúas canteiras producen este recurso fundamental para a construción.
- O acto contou coa presenza da alcaldesa, Marta Giráldez.
- Os veciños debatiron sobre o lugar que ocupa esta actividade no concello, o seu impacto ambiental e o futuro do sector.

A Asociación Galega de Áridos (Arigal) presentou o seu documental Que sabes dos áridos? en colaboración co concello de Meis.
O obxectivo do documental é mostrar a realidade do sector dos áridos, que proporciona á sociedade o segundo recurso máis consumido a nivel mundial só por detrás da auga, e que supón a fixación de emprego (2.800 postos de traballo en 2018) e o desenvolvemento en zonas rurais de Galicia cunha produción anual de 48 millóns de euros. Trátase ademais dunha industria en pleno proceso de expansión que nos últimos anos conseguiu posicionar estes produtos galegos en mercados internacionais.
Tras un ano de investigación para valorar o coñecemento que ten a sociedade galega sobre os áridos, Arigal realizou entrevistas a persoas alleas do sector e a axentes sociais coñecedores da actividade para gravar este documental en 2018, e así afondar nesta industria e no seu papel no desenvolvemento.
A proxección acompañouse dun coloquio posterior no que participaron Marta Giráldez, alcaldesa de Meis; traballadores das canteiras; veciños e o presidente da Comunidade de Montes Santa María de Paradela (Meis). Un debate onde se tratou a integración das canteiras na contorna do concello. Os vecinos expuxeron as súas impresións e queixas relacionadas co impacto que xeran estas explotacións na natureza.

A alcaldesa sinalou que as canteiras de áridos “son un dos motores do concello, onde case todos os seus empregados son de Meis”, e que dende o concello “van estar de acordo con todo o que sexa xerar riqueza para os veciños”. “Moitas veces as queixas débense ao impacto visual, aínda que tamén ao descoñecemento”, engadiu.
Así mesmo, Giráldez quixo facer fincapé na rehabilitación das explotacións, unha forma de darlle unha segunda vida a un espazo que pode adaptarse ás necesidades da
sociedade.
Pola súa parte, o presidente da Comunidade de Montes Santa María de Paradela indicou que “os vecinos que máis sofren as consecuencias das canteiras -ruidos, vibracións…” son os das que casas que están máis preto, mentres que o resto da poboación está contenta”. Eugenio resaltou que “non é o mesmo a situación actual onde as voladuras e o pó están controlados, que fai 20 anos cando as leis que regulaban o funcionamento das canteiras eran máis laxas”.